Etiquetas

, , ,

Nunca me gustaron as torradas. Lembro que cando na casa quedaba moito pan duro, miña nai preparaba as torradas mollando o pan en ovo e poñendoas a fritir. Lembro que estaban moi secas e que a códea quedaba dura. O caso é que unha mañá desas perdidas diante da tele, facendo zapping tratando de atopar algo interesante (tarea que sendo día de semana e sendo pola mañá é case imposible), de repente nunha das canles empezaron a facer estas torradas. O cambio do pan por biscoito e a idea de empapar primeiro o biscoito en nata parecéume incrible. Probei a facela e o resultado superou todas as miñas expectativas. Pode facerse con croissants, con pan de leite, con medias noites ou ata con pan de molde (preferentemente sen códea) e está realmente delicioso. Nin sequera parecen torradas!!!

Ingredientes

  • 500 ml de leite
  • 250 ml de nata
  • Azucre
  • 1 paquete de pan de leite
  • 1 rama canela
  • canela en po
  • 2 ovos
  • fariña

Pasos

– Mesturar o leite e a nata coa rama de canela e unha cullerada de azucre e poñer a ferver con coidado de que non se pegue. Deixar temperar

– Partir os bolos pola metade e remollar na mistura de leite.

– Quitar os bolos do leite, escorrelos un pouco e pasalos por fariña e ovo batido.

– Fritir as torradas en abundante aceite e sacar unha vez douradas. Poñer a repousar en papel de cociña para que saia o exceso de aceite.

-Espolvorear cunha mistura de azucre e canela en po.

Recomendacións persoaiss

-Pode usarse calquera tipo de bolo, croissant, medias noites….

Advertisements