Etiquetas

, ,

roscas

As rosquillas sempre supuxeron un reto para min. Miña nai ten a súa receita típica de roscas, pero nunca foi capaz de facer o caramelo correctamente. Quizais foi iso o que me fixo desistir de tentar a facer rosquillas con caramelo. A miña afección polas revistas de cociña trouxome a receita destas roscas. A receita orixinal botaba un pouco de azucre glas nas roscas sen máis. Como esa idea non me convencía lembreime de outra idea xenial que vin na televisión, neste caso na segunda edición de gran hermano (debo deixar constancia de que so vin as dúas primeiras edicións). O caso é que alí facían as roscas e rebozábanas nunha mestura de azucre e canela, así foi como aquelas simples roscas se convertiron nas miñas rosquillas de canela.

Ingredientes

  • 1 ovo
  • 4 culleradas de leite
  • 1 chorriño de anís
  • 130 gr de azucre
  • 1/2 kg de fariña
  • 1/2 sobre de lévedo Royal

Pasos

– Bater o ovo co azucre cunhas variñas ata que quede espumoso.

– Engadir o leite e 4 culleradas de aceite de xirasol e bater de novo.

– Engadir o anís, o lévedo e a fariña. A fariña pouco a pouco ata que a masa quede compacta pero non seca (a veces non fai falla usar o medio quilo).

– Deixar repousar a masa uns 15 minutos.

– Formar as rosquillas e fritilas con aceite de xirasol. Sacalas e deixalas escorrer en papel de cociña para eliminar o exceso de aceite.

– Humedecer as rosquillas en auga cun pouquiño anís e rebozalas nunha mistura de azucre e canela.

Advertisements