Etiquetas

, ,

DSC_0229

Hoxe quero escribir sobre unha receita que me leva a unha terra moi próxima e que me trae á mente a unha persoa moi especial para min. Esa terra é a veciña Portugal, e esa persoa é a miña avoa paterna. 

A primeira vez que probei este postre quedei encantada. Por primeira vez na miña vida fun visitar a miña avoa en nadal e miña tía Ana (experta reposteira da familia), tiñao como parte da sobremesa. Non podía crer que non o tomase nunca, pois case coñecía todo o repertorio de miña tía e non lembraba ningún sabor similar. Como miña tía me viu comelo con verdadeiro gusto, comentoume que era un postre típico do nadal en Portugal; motivo polo cal non o probara antes. O resultado foi que acabei traendo para casa un tupper que acabamos nun visto e non visto.

Noutra das miñas aventuras polo país veciño, esta vez coa miña amiga Mari; puidemos asistir en directo á preparación dun plato de letría. Foi na terra de Lindoso e foramos alí a pasar uns días coa familia do seu mozo. As dúas anotamos a receita e as dúas nos esquecemos dela nada máis saír pola porta…un desastre.

Non foi ata pasados uns anos, cando buscando outra receita de pratos típicos de portugal; me atopei con esta receita na páxina portuguesa de petiscos. Despois de ver o sinxelo que resultaba e pensando na alegría que sempre lle da a meu pai que prepare un plato da súa terra, púxenme mans á obra e este foi o resultado.

Ingredientes

  • 150gr de Aletría (a aletría como tal é un tipo de pasta comercializada en portugal, que ven en forma de madeixa, para poder usala para a receita habería que desfacer a madeixa cortandoa e deixándoa como os fideos para sopa que coñecemos. É unha pasta moi fina  que podería ser sustituida por fideos)
  • 500ml de leite
  • 200gr de azucre
  • 50 gr de manteiga
  • 4 xemas de ovo
  • 1 limón

Pasos

-Poñer a ferver o leite co azucre, a manteiga e a códea do limón.

-Cando ferva retirar a códea e engadir a aletría desfeita ou os fideos.

-Deixar a lume morno ata que os fideos estén cocidos (a mestura estará bastante espesa).

-Bater aparte as xemas, retirar a aletría cocida do lume e engadirlle as xemas con coidado de mesturar todo ben.

-Levar de novo a lume baixo durante 2 minutos sen deixar de remover (se está moi espeso, non realizaremos este paso).

-Botar a mestura nun prato ou bandexa con reborde e deixar enfriar.

-Decorar con canela en pó.

Notas

Pódese engadir colorante alimentario, para darlle unha cor máis amarela.

Advertisements