unnamed

Esta receta naceu da curiosidade…e de uns rapaces daneses que o meu mozo coñeceu a través do traballo. O caso é que un día, paseando polo supermercado, atopamos unha oferta de galletas danesas. O meu mozo sacoulle unha foto para mandarlla ós rapaces daneses. Un deles dixo que xusto as ía facer caseiras coa familia e que estaban moito mellores que as compradas. Unha oportunidade así non se podía deixar pasar, así que insistín en que pedise a receita. O que nos mandou como receita foron uns enlaces a unhas páxinas danesas (escritas en danés) coa lenda…”sorte co google translate”. Google translate non nos axudou demasiado a traducila, sobre todo na parte de cantidades. O que en fariña traducía por tazas, en azucre traducíao por dl e ata ml (dicir que na receita orixinal poñía dl). O caso é que esta fin de semana acordamos facer unha primeira proba. A condición era que eu so fose unha simple observadora, que axudase coa parte técnica; pero tiña que deixarlle a el probar a facer as galletas. O resultado resultou inmellorable. Unhas galletas moito mellores que as compradas

Ingredientes

  • 3 tazas (tipo americana) de fariña
  • 1 taza de azucre
  • 250 gr de manteiga a temperatura ambiente
  • esencia de vainilla
  • cacao en pó

Pasos

-mesturar a fariña co azucre e a manteiga ata integrar todos os ingredientes e que quede unha masa firme.

-Dividir a masa en dúas metades.

-A unha das metades engadiremoslle esencia de vainilla e mesturaremos ben.

-Á outra metade engadiremoslle un par de culleradas de cacao en po (no meu caso marca Valor).

-Facer tiras cilíndricas con cada unha das masas e xuntar en forma de dameiro (alternando cor blanca e marrón) ata que o conxunto teña o grosor  do tamaño de galleta que queiramos.

-Apretar un pouco as tiras para que se peguen entre si, cubrir con papel film e meter na neveira durante unha hora polo menos.

-Unha vez fría a masa. Cortar as galletas do grosor desexado e poñer nunha bandexa de forno con papel sulfurizado.

-Meter ó forno a 170º durante 10-15 minutos (ata ver que os bordes da galleta collen cor tostada).

Advertisements