DSC_0418

Este ano estaba convencida de que ía facer orellas polo entroido…estaba tan convencida que unha vez máis quedei coas ganas. Entre prepararse para ir para casa e botar varios días combinando troula con quedadas con amigos e que acordei con miña nai que xa que collía vacacións podiamos aproveitar para facer alheiras (un embutido portugués do que xa vos falarei algún día), o caso foi que rematou o día e rematou a romería…e as orellas sen facer. Por sorte vin a tempo esta receita no blogue de kanela y limón e animeime a facela.

Tal e como comenta cristina, son un doce típico do entroido en italia e o sabor asemella ás típicas roscas que toda nai ou avoa saben facer nesta nosa terra.  Son moi moi sinxelas de facer e ó non precisar tempo de levedado están listas en moi pouco tempo. Este ano serviron de agasallo para a miña xente de Verín, con quen compartín un grandísimo xoves de comadres e para algún que outro lambón que atopou o tupper onde estaban gardadas…túpper que se viu desaparecer en 2 días…e iso que tiña moitas moitas!!!

DSC_0415

Ingredientes:
  • 300g de fariña
  • 75g de manteiga derretida
  • 60g de azucre
  • 2 ovos
  • Un chorriño de licor de anís
  • Un sobre de lévedo químico tipo Royal
  • A raiadura de medio limón
  • Azucre para rebozar

Pasos

-Bater os ovos coa manteiga derretida,o azucre, o anís e a raiadura de limón.

-Mesturar coa fariña e a levadura ata obter unha masa homoxénea que non se pegue ás mans.

-Formar pequenas boliñas coas mans, chega con coller un pequeno belisco de masa e darlle forma redondeada, xa que ó levar lévedo a masa incha ó levar ó lume.

DSC_0411

-Botar as boliñas en aceite ben quente e fritilas. En principio se se botan de poucas en poucas daran a volta elas soas.

-Poñer a repousar sobre papel de cociña para que boten fora o exceso de aceite e rebozar en azucre.

NOTAS

-No canto de poñer so azucre para rebozar podemos usar unha mestura de azucre e canela.

-Ter conta de que a manteiga estea so derretida, que non ferva, xa que a textura é distinta con unha ou outra.

-Pode cambiarse o anís por outro aroma como por exemplo vainilla.

Advertisements