DSC_0196

Hai costumes que se herdan de pais a fillos de maneira inevitable. Lembro que cando era pequena e meus pais ían a algún sitio, sempre traían algo para miña avoa; que como xa estaba velliña e non camiñaba moi ben quedaba na casa. Meus páis non soían ir a moitos sitios: algunha que outra feira, algunha festa e sobre todo á romería da virxe dos Milagres; que sempre era cita inevitable. 

O que soían traerlle a miña avoa sempre que tiñan ocasión eran unhas roscas de anís que a ela lle encantaban, xa que era o típico doce de toda a vida, e un dos poucos que nos contaba se podían permitir comprar; cando ían por ahí.  A min persoalmente non me gustaban moito e a miñas irmás tampouco, motivo polo cal lle pediamos a miña nai que nos comprase as que si nos gustaban que eran as “hojaldradas”. 

Agora que xa medrei, cada vez que vou a algún sitio e hai postos de roscas; sempre collo algún que outro paquete para levar para casa; sobre todo desta variedade que é a miña preferida. Incluso a veces compro o que lle chaman buracos de roscas. Certo é que na miña casa non son moito de doce, e miña nai menos que ninguén, pero sempre se alegra moito de que as súas fillas se acorden dela como ela o facía de súa nai.

roscas

A receita está sacada, como non… do blog de kanela y limón e a receita sae realmente esquisita, unhas roscas que nada ten que envidiarlle ás mercadas.

Ingredientes:

  • 2 láminas de masa follada
  • manteiga
  • auga
  • mel
  • azucre

Pasos

-Estirar nunha superficie unha das láminas de masa follada.

-Pintar a lámina con manteiga derretida.

-Colocar a outra lámina encima da primeira.

-Facer as roscas empregando dous cortadores redondos de distinto tamaño (no meu caso un vaso e un tapón dunha botella).

-Meter ó forno a 200º ata que se douren.

-Facer un almibre con unha medida de auga, unha de azucre e unha de mel poñendo todo ó lume nun cazo durante uns 10 minutos.

-Pasar as roscas polo almibre e despois por azucre.

Notas

-Se o mel é natural, empregar menos cantidade, xa que o sabor do mel caseiro é moito máis forte que o comprado.

-Cos restos que nos quedan ó cortar as roscas, podemos realizar o mesmo proceso e obteremos os buracos de roscas que nomeaba antes e que están tamén moi bos.

Advertisements