Etiquetas

, , ,

DSC_0473

Sempre que teño un tempiño libre e unha computadora con acceso a internet, acabo caendo no vicio. Ese vicio raro que me leva a entrar en google e buscar se hai receita para algo que se me acaba de pasar pola cabeza, ou ese de entrar unha e outra vez nas páxinas que gardo como interesantes. Teño todo un sistema montado de marcadores en google chrome para as receitas que quero probar a facer e os blogues de repostería que sigo. E non é por casualidade o de telo en chrome…é simplemente porque así sincronizo todos os meus equipos coa conta de google e aparécenme os marcadores en todos os dispositivos que teño (que son varios…o vicio…xa se sabe).

Estando un día a dar voltas polos blogues, o meu mozo sinalou unha foto e comentou que lle parecía que iso eran uns bolos que comía de pequeno e que lle sabían moito. Él non é de moita galdrumada, ou iso di…porque despois se hai doce come nel coma o que máis…O caso é que foi a primeira vez que se interesou realmente por algún doce dos que eu miro, motivo polo cal o metín nos marcadores como pendente de facer. Unhas semanas máis tarde, e despois de ver que o levedado dos donuts saira ben; decidinme a facelos.

Nada máis chegar á súa casa cos boliños e ensinarllos…puxo cara de querer probalos e de medo a que soubesen mal e ter que darme a crítica.  De alí a media hora, vendo que non os tocaba animeino a que probásemos un a medias. Collín un anaquiño para saber se estaban bos, e o sabor encantoume. El comeu o resto dese e díxome que estaban moi bos. Como so dixo iso pensei que igual non lle gustaran moito ou que non eran o que el esperaba, pero, de alí a un anaco fun á cociña; e xa desaparecera outro. Botou o resto da fin de semana comendo bolos suizos e dicíndome que estaban boísimos.

A receita queda moi esponxosa, nada seca e co toque exacto de doce. Poden comerse sos ou acompañados  de marmelada, nata ou o que se vos ocorra…ainda que me dixeron que un bolo con ese sabor que lle quedou a estes estaba perfecto para comer soiño. A receita orixinal saqueina dunha gran páxina como é a de recetas de mama, páxina que vos recomendo tanto para postres como para todo tipo de comidas.

DSC_0474

Ingredientes:

  • 170 ml leite
  • 75 gr de azucre
  • 120 gr de manteiga
  • 40 gr lévedo fresco
  • 4 ovos
  • 550 gr de fariña de forza
  • unha pizca de sal
  • 1 ovo para pintar os boliños
  • 100 gr azucre para por por enrriba dos boliños

Pasos

– Quentar o leite coa manteiga ata que ó meter o dedo notemos que está bastante quente pero que aguantemos ben a calor (uns 35º). Disolver o lévedo fresco na mestura. No meu caso o pack de lévedo era de 50 gr e boteille eses 10 extra.

-Poñer nun recipiente a mestura anterior, engadirlle os ovos batidos e o azucre e a metade da fariña. Bater todo ata que quede homoxeneo.

-Ir engadindo o resto da fariña pouco a pouco e amasando ata conseguir unha masa elástica.

-Deixar levedar nun recipiente tapado con papel tipo film ata que dobre o volume.

-Amasar a masa levedada durante uns minutos para sacarlle o gas do levedado.  Facer pequenos boliños  e poñelos nunha bandexa de forno cuberta de papel de forno. Poñelos bastante separados, xa que medrarán moito no forno.

-Pintar os boliños con ovo batido e deixar levedar de novo ata que volvan dobrar o volume.

-Volver pintar os boliños, facerlles un corte con un coitelo e botarlle enriba un pouco de azucre húmido (azucre con unhas pinguiñas de auga mesturado).

-Meter ó forno que estará quente a 220º  durante uns 15 minutos.

Advertisements