Etiquetas

, , , ,

20140720_154900

Cando comeza a chegar o verán e aparece a calor…como que apetece máis de sobremesa unha torta de queixo que unha con biscoito. Bueno, se somos sinceros unha boa tarta de queixo apetece en verán e en inverno, sobre todo se se pode facer en 10 minutos, sen empregar o forno e sen manchar nin gastar demasiado. E se xa ten o sabor e a textura desta torta…pois fabuloso. Esta receita é un clásico na casa de miña irmá isabel. Unha tarta moi lixeira cun sabor que non deixará indiferente ós amantes das tortas de queixo frías.

Pese a que a receita é de miña irmá Isabel (non sei de onde a quitou ela), a excusa para facer esta torta foi o cumpleanos de miña irmá Elena. Levo xa case dous anos xogando con fondant, e dende que vin o ben que me quedou a primeira torta rematada, cada cumpleanos de familiares e amigos foi acompañado dunha torta decorada con esta pasta doce. Antes de cada evento busco e rebusco para sacar ideas para montar tortas personalizadas. Este ano, para o cumpleanos de miña irmá atopei un deseño que me gustou moito e quixen aprobeitalo para estrear un molde de biscoito de tres pisos que comprara na tenda casa e decorar a torta con fondant. O caso é que o molde resultou ser moito máis pequeno do que eu cría, e para que a torta me saíse ben, non podía rechear o biscoito con nada, motivo polo cal me decidín a facerlle a súa mini torta de fondant so con biscoito e facer unha torta aparte. Como esta torta nos encanta a todos e ainda non estaba no blogue…tirei de libreta de receitas e púxenme ó choio para poder deixarvos esta receita, que sen dúbida se convertirá nun imprescindible para todo aquel que se anime a facela.

20140720_154911

Ingredientes:

  • vaso e medio de auga
  • 1 sobre de xelatina
  • 1 terrina de queixo tipo philadelphia
  • 1/2 litro de tona para montar
  • 6 culleradas de azucre
  • caramelo
  • galletas tipo maria (opcional)

Pasos:

-Mesturar un vaso de auga con 6 culleradas de azucre. botar o sobre de xelatina no outro medio vaso de auga para e disolver. Poñer todo a ferver nun cazo e deixar enfriar.

-Bater a tona ata que estea a medio montar. Engadir o queixo crema e bater ata integrar todo.

-Unha vez a xelatina estea morna, mesturarlle a mestura de tona e queixo crema.

-Estender o caramelo nunha forma e botar a mestura.

-Poñer encima da mestura unhas galletas tipo maría. Este paso faise para que ó darlle a volta á forma, a torta se manteña mellor e non fenda. Non é necesario cubrir toda a superficie, por exemplo se a forma é cuadrada e as galletas redondas, non é necesario preocuparse porque queden ocos entre as galletas.

-Levar ó frigorífico ata que estea sólida. Mellor dun día para outro. Desmoldar.

Velaquí a mini torta de cumpleanos de miña irmá. O biscoito non tiña recheo…pero a ela non lle importou nadiña!

20140720_143513