Etiquetas

, , , ,

bica

Pasados xa os propósitos de ano novo de seguir unha dieta, rota xa por varias veces a promesa de non volver a comer doce ata baixar os quilos que se subiron no nadal e co ambiente cheirando a entroido…creo que é o momento xusto para compartir esta receita.

Seguro que a estas alturas todos escoitástedes falar do entroido de Ourense…dese triángulo máxico formado por Verín-Xinzo-Laza. Se nunca pasástedes un entroido nestas localidades, recoméndovolo moito. Concretamente o de Laza ainda está na miña lista de pendentes…porque o de ir ó que eles chaman farrapada, onde a xente se lía a tirar farrapos todos embarrados e formigas vermellas axitadas con un pouco de vinagre…. ainda me sigue impoñendo algo de respeto. O que si coñezo bastante é o entroido de Xinzo, onde as rúas se enchen de ledicia, de música e de xente e onde non fai falla ir acompañado, porque con un bo disfraz…todos son amigos!!!!

Destacar tamén, o ben que o levo pasado os xoves de comadres en Verín, compartindo noites inesquecibles coa miña gran amiga Pili e o seu escuadrón de amigos. Noites nas que todos os homes deben ir disfrazados de muller e nas que non hai límites á diversión. Un pistoletazo de saída espectacular que abre paso a 7 días de auténtica maxia.

Se nestes días a vida vos leva por Laza…non esquezades que de alí ven a receita de hoxe e aprobeitade para degustar esta bica que de seguro non vos deixará indiferentes. Como toda boa bica galega, o biscoito non so é consistente e doce, senon que á súa vez é xugoso e esponxoso…e cada bocado está pedindo o seguinte. Se non tedes a sorte de pasar por Laza (que tampouco é que quede moi de camiño) podedes animarvos a levar Laza ó voso forno, podo asegurarvos que unha vez probedes este doce….quereredes que Laza vos visite a cotío!!!

bica2

Para rematar e volvendo ó tema do entroido, gustaríame promocionar tamén o meu recunchiño de entroido de Ourense e falarvos dos felos, unha figura moi similar ó peliqueiro de Laza ou ó cigarrón de Verín e con moita historia na miña terra; xa que o felo naceu na miña serra de San Mamede e viviu e respirou durante moitos anos grazas ós homes da miña parroquia. Se despois de tanta festa queredes coñecelos…estades cordialmente invitados a pasar por Maceda a velos saltar.

Felos-Maceda-Entroido-San-Mamede_EDIIMA20130209_0232_4

Ingredientes:

  • 9 claras de ovo
  • 450 gr de azucre
  • 500 ml de tona para montar
  • 450 gr de fariña con levadura

Pasos:

-Bater (preferentemente a man) as claras a punto de neve, engadir o azucre e seguir batendo ata integralo.

-Engadir a tona á mestura anterior e bater con culler de madeira ata que se integre.

-Botar a fariña pouco a pouco e seguila mesturando coa culler de madeira.

-Poñer a mestura nun molde cuberto por papel de cociña ou untado con manteiga e polvillado con fariña e polvillar bastante azucre na superficie, ata que se vexa unha capa de azucre (isto servirá para que se forme unha costra na superficie que estará ainda máis rica que a bica en si).

-Meter ó forno que estará a 180º ata que ó cravar con un escarvadentes este saia limpo.  Procurar non abrir o forno ata que o biscoito estea case feito (o olor a biscoito que collerá a cociña daravos unha idea), xa que se se abre antes de tempo corremos o risco de que quede máis compacto do que debería.