Etiquetas
Fai apenas unhas semanas, asistín a un evento único e sumamente emotivo: a voda de Mary e Juan. Se paseades un pouco polo meu blogue, veredes moitas entradas adicadas a esta parelliña tan querida por min. Ela é a miña mellor amiga…algo máis que unha irmá; e el…pois despois de tanto tempo e de tanto aguantar que lle dea a lata…podo consideralo tamén algo máis que un cuñado!
Dende que anunciaron que se casaban alá polo nadal…estiven agardando que chegase o día con moita ansia. Saber o que para ela significaba dar o si quero e ver as ganas que tiña de que chegase o día, bastaba para que eu estivese ilusionada. Ademáis, o feito de que este paso tan importante o vaia a dar con un home que de seguro a vai facer sumamente feliz; incrementaba a miña ledicia ó 200%.
Dous días antes da voda desplaceime a Ourense co coche cargado de lambetadas e recipientes de todo tipo. O obxectivo era montar a mesa dulce máis bonita e espectacular do mundo, obxectivo que me custou algunha que outra noite sen durmir e case dúas semanas de traballo arreo; pero que esperaba que merecese a pena.
Coa axuda de outra das amigas de Mary (Josefa), e un par de almas caritativas máis, comezamos a montar unha réplica do que sería a mesa dulce final. Decoramos tarros, colocamos galletas, distribuimos gominolas e sobre todo movemos cada elemento unha chea de veces ata que o resultado final nos pareceu perfecto! Co deseño xa feito, empaquetamos todo para facer o remate final no restaurante, algo que nos levou máis tempo do que tiñamos pensado…os problemas de última hora, xa se sabe.
Coa mesa dulce perfectamente montada e o photocall á espera de que chegasen os invitados…abandonei o restaurante a iso das 9 da noite da véspera do evento, camiño a pegarlle unha boa lavada ó meu coche…que como prometera, estaría na porta de Mary ó día seguinte á espera de un arrepentimento de última hora! De camiño, lembrei que ainda tiña pendente o de darlles o regalo ós noivos…e é que a veces a confianza da noxo…era a noite antes da voda e eu ainda sen lles dar regalo ningún!!!A chamada a Mary concluiu en que pasaría pola súa casa nada máis rematar o do coche para darlle unha última aperta…e o regalo. Vela a noite antes toda nerviosa, velos ós dous ultimando os detalles fíxo que tomase conciencia de que realmente chegara o día. Falar con eles, ver á pequena de Juan tan contenta coa idea de que seu pai casase, xa me deixou con esa sensación de que pronto asistiría a algo único.
Marchei para casa a intentar durmir…algo que sobra dicir que foi imposible, tiña as emocións a flor de pel e non deixaba de pensar no bonito que ía ser todo, na cara de sorpresa que ían poñer ó ver a mesa dulce tan linda e en como realizar a lectura do que lles escribira para ler na ceremonia.
O espertador sorprendeume ainda esperta a iso das 8 da mañá, e comezou o gran día. Ducha, almorzo e a correr á perruquería. Recollido, manicura, maquillaxe e a correr a cambiarme. Vestido, zapatos, últimos arreglos e volta a correr a casa de Mary para tomar algo alí con ela, ver de primeira man o linda que estaba e acompañala ata o restaurante. A verdade é que iamos bastante máis tarde do que eu contaba nun principio, así que esperaba que xa estivese lista. O día antes mentíralle dicíndolle que non ía poder ir á súa casa e estaba segura de que lle ía encantar a sorpresa de verme alí.
Nada máis chegar, entrei coma Pedro pola súa casa para darlle a sorpresa…ainda que a sorpresa leveina eu ó ver que ainda estaba sen vestir. Como era de agardar, despois dunha forte aperta na que ambas susurramos o moito que nos queremos, fun incluída no plan de axudala a vestir. Pouco a pouco entre a súa amiga Tamara e máis eu fomos engadindo cada complemento, pechando cada botón e colocando cada detalle ata convertila na máis fermosa de todas as noivas. O resultado non puido ser mellor, non solo estaba radiante e fermosa, ademáis lucía un soriso permanente que facía que brillase con luz propia.
O camiño ata a capilla do restaurante foi longo e aburrido, e iso que o meu fiesta nunca pitara tanto nin tan seguido. O noivo estaba radiante e nervioso agardando pola que se convertiría na súa muller. Tiven a sorte de chegar a tempo de darlle un bico e anticiparlle que estaba preciosa, mentres o coche da noiva agardaba a que todos os invitados estivesemos listos.
Despois dunha breve ceremonia, na que ambos prometeron que se van querer moitísimo chegoume a hora de subir a ler. Sólo unha persoa lera o que tiña preparado e recomendárame non miralos ata rematar. Como non era novata nisto de ler en bodas…tomeime a recomendación coma unha broma e planeei cada momento con varias paradas para miralos. A primeira ollada debía ser ó inicio para ver ó guapos que ían e, pese a que a vista xa se me nubraba mentres subía cara o atril; mireinos por primeira vez como marido e muller. Toda a emoción acumulada aproveitou xusto ese momento, para saír en forma de bágoas; no que parecía unha choreira interminable. Apenas recomposta, logrei pronunciar o discurso…aínda que creo que non se me entendeu nadiña!!!Volvín chorar na segunda parada para miralos…e por suposto cando os abracei…e seguín ainda un ratiño máis mentres todos os invitados me comentaban o que os conmoveran as miñas palabras.E é que aínda que tratei de facer un discurso que me permitise saír do trance sen lagrimexar, foime totalmente imposible non deixar aparecer todo o cariño que lles teño.
O resto da xornada transcurriu tranquilamente. Correu o viño, a comida e os berros de que se biquen. Todo ía ben e animado ata que Mary me deu unha sorpresa que non agardaba. Obviamente sabía que algo me ía caer de regalo, pero co que non contaba é con que o fixese de maneira tan especial. Co postre xa servido e a falta de entregar o ramo, empezaron a soar os acordes da canción Labios Compartidos de Maná que tantas veces cantamos a viva voz. Escoitar esa canción xa me puxo en alerta e con un nó na gorxa, que trataba sen éxito de baixar coa torta nupcial; mentres eles daban voltas pola sala tratando de buscar á persoa afortunada á que lle darían o ramo. Obviamente pararon detrás de min, non so co ramo; senon tamén con unha fermosísima rosa negra (a miña rosa preferida), que fixo que volvese a chorar coma se non houbese un mañá. E é que eu xa ben lle digo a Mary que ela si sabe ser detallista…o que pasa é que a veces é algo vaga!!!
Como fin de festa fomos á zona de baile onde estaba colocado o photocall e a mesa dulce, que obviamente lle encantou. Bailamos moito, sacamos moitas fotos, comemos algunha gominola e sobre todo enchémonos todos a abrazos e bicos…xa que ó redor de Mary sempre se respira todo o cariño que ela da e o que a súa xente lle devolve. Sen dúbida foi un gran día, que sempre recordarei.
Respecto á receita, aproveito para matar dous paxaros dun tiro; xa que me pediu Josefa (a miña compi de montaxe de mesa dulce) que lle dese a receita. Son unhas trufas moi moi fáciles de facer e, polo que puiden ver, desaparecen nun abrir e pechar de ollos. As de chocolate branco déixoas pendentes…xa que tiven un par de problemas durante a realización que debo resolver antes de contarvos cómo se fan.
Ingredientes
- 100 ml tona
- 150 gr chocolate fondant
- 150 gr chocolate con leite
- Un chorro de ron(non máis de 50 ml)
- Fideos de chocolate
Pasos
-Derreter o chocolate coa tona ó baño maría ou no microondas. Se se realiza no microondas debedes ter moito coidado e parar cada 10 segundos para remover o chocolate e que non se queime).
-Engadir o ron á mestura e remover ata integralo.
– Deixar enfriar no frigorífico tapado con papel film ata que estea ben duriño (un mínimo de 2 horas).
– Facer bolas do tamaño desexado e rebozalas nos fideos.
Non hai palabras para todo o q me fixeche sentir, verte na casa e q me vestises foi un soño feito realidade, os km de ourense a maceda non foron ken de impedir q me acompañases e sentinme mais feliz q nunka. O rimel kase non foi ken de resistir as vagoas q tentaba conter o ler o teu gran discurso, e x mais q as frenei sairon de vez.
Eres a miña metade, unha irma q me da a vida, a alegria, a esperanza, a forza o optimismo, o respeto, o apoio inkondicional,o entendemento, a comprensiom…..a felicidade. Unha amiga sen condicions.
Eres a persoa co corazon mais grande e a q adoro kon lokura.gracias por todo, polos viaxes de km na miña busca cando estaba triste ou t chamaba chorando, gracias x non fallarme nunka.kerote.
Gracias tamen a josefa x kerer sempre o mellor para min e esforzarse xq todo este sempre perfecto, cuidado o detalle, e por todo o q me axudou sempre.un biko enorme para cada unha , e gracias as duas x estar na miña vida.
Ti si que eres grande meu sol!!!Quérote moito e sobra dicir que sempre vou estar ahí cando o precises.