Etiquetas

, , ,

DSC_0455

A veces pasan cousas na vida cotiá que mesmo parecen incribles. Decidín facer estas galletas un día antes de marchar para Ourense. Mentres cociñaba pensaba na fin de semana e en cómo podería facer para organizar o meu tempo e poder ver á maior cantidade de amigos. Pola miña mente ían pasando horas e xente coa que podería quedar. Pensando xustamente niso apareceu na miña cabeza,como non, o nome de Tania. Levaba xa moito tempo sen vela e moito máis sen ver tanto ó seu mozo Iñigo como ós seus amigos, un grupo co que acostumaba a tomar café a cotío cando estaba na facultade e co que pasei miles de momentos marabillosos. 

A morriña comezou a apoderarse de min traendome recordos das ceas en Beiro, as casas de turismo rural e os míticos magostos. Poucas veces faltaba un dos meus postres nestas ocasións, e pouco a pouco convertéranse no meu mellor público. Por norma xeral gustáballes tanto o que levaba, que me pedían a receita ou para eles ou para súas nais. Despois de botar horas e horas repetindo as receitas a todo o mundo para que as anotasen, decidín que o mellor sería montar un blogue no que poderían consultar cando quixeran a receita; e de ahí xustamente foi de onde naceu recetas de Teixi.

DSC_0453

 

Teixi é o apelativo co que todo o mundo me coñece nese grupo. Todos alí teñen o seu alcume, de feito se falas dunha persoa polo nome auténtico…case non se sabe a quén te refires. Hai ata quen ten todo un surtido de nomes a escoller…e aumentando día a día segundo vai falando ou actuando. O meu mote ven da miña costume de dicir que son unha muller de TEIXEIRA,algo que como diría certo persoaxe da farándula éncheme de orgullo e satisfación. Primeiramente comezaron co nome de  Teixeira pero co paso dos días foi derivando no diminutivo…e teño que recoñecer que me encanta que me chamen así!!! Iso si, é un privilexio que so teñen eles. Fora dese contexto, resúltame moi moi raro escoitalo.

Mentres decidía que tentaría quedar con Tania na fin de semana, e a poder ser co resto do grupo, saiu a primeira fornada de galletas. Deixeinas arrefriar un pouco e probei unha. Co primeiro bocado veu á miña mente o nome de Iñigo (o mozo de Tania), xa que era como morder un anaco de chocolate recuberto de chocolate e envolto en chocolate…e sei que el é o fan número un dos meus brownies de chocolate precisamente por ese motivo. Deixei a galleta e collín o teléfono para falar con Tania e quedar xa mesmo con ela. Aquilo tiña que ser un sinal!!! O resultado foi unha tarde incrible seguida dunha cea estupenda na que o café se acompañou con estas galletas e as risas  derivadas da lectura do ainda sen concluír relato de Pelma y Luis…EL RETORNO!!!! (Para os que non o entendades…un relato curto fabuloso cuios personaxes somos a xente do grupo)

Esta receita foi sacada do blogue de Noraa. Para definirvos o sabor  destas galletas, e xa dentro do contexto, usarei as palabras que o amigo Patrick usou para definir os meus brownies. Tres palabras que ainda se recordan no grupo e das que nos seguimos rindo, porque pretendendo ser unha crítica; acabouse convertindo no mellor dos afagos: EMPALAGAN A CHOCOLATE!!!

DSC_0451

Ingredientes:

  • 210 gr de fariña de trigo
  • 2 ovos
  • Media culleradiña de lévedo tipo Royal
  • 100 gr de azucre normal
  • 250 gr de chocolate fondant
  • 55 gr de manteiga
  • 1 culleradiña de aroma de vainilla
  • Azucre Glass para rebozar
  •  Una pizca de sal

Pasos

-Fundimos o chocolate e a manteiga no microondas removendo a cotío para que non se queime.

-Coa batedeira batemos os ovos, o azucre, o sal e a vainilla ata que dobre o volume.

-Engadimos o chocolate e volvemos bater.

-Engadimos a fariña peneirada co lévedo e seguimos batendo ata integrar todo.

-Metemos a mestura no frigorífico durante unha hora.

-Pasado o tempo facemos bolas coa masa e pasámolas por azucre glass.

-Poñemos as bolas nunha bandexa de forno con papel de forno, un pouco separadas entre elas e metémolas no forno a 180 graos durante uns 10-15 minutos.

Advertisements